miércoles, 24 de noviembre de 2010
HOXE, XA NON É COMA ONTE....ALGO NOS ESCOITARON
domingo, 21 de noviembre de 2010
MARTES 23 DE NOVEMBRO DE 2010, ROLDA DE PRENSA DA PLATAFORMA NA GALERÍA SARGADELOS ÁS 11H
O MARTES 23 DE NOVEMBRO, ÁS 11H, NA GALERÍA SARGADELOS DE COMPOSTELA, ROLDA DE PRENSA PARA PRESENTAR O POSICIONAMENTO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PUBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS ANTE AS POLITICAS DE BENESTAR SOCIAL DA XUNTA DE GALICIA NO MARCO DA APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS AUTÓNOMICOS PARA O ANO 2011.
Dende a Plataforma defendemos a consolidación do sistema publico galego de servizos sociais, para o cal compre facer efectivo o desenvolvemento da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia como instrumento que garanta uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega, aos que temos dereito vivamos onde vivamos.
Este marco debería ser o guieiro de actuación do Goberno da Xunta de Galicia como institución con competencias plenas na materia, actuando dun xeito responsable ao servizo dos galegos e galegas, máxime nuns momentos de grandes dificultades económicas que sempre agudiza a situación das persoas mais desfavorecidas e mesmo incrementa notablemente o porcentaxe das mesmas.
En contraposición a estes postulados, as decisións estratéxicas e as prioridades que se están a materializar dende a Xunta de Galicia, neste momento de contracción real do gasto, debilitan ou fan inviable a incipiente política galega de benestar e mais parecen ter no horizonte a volta aos tempos da mais pura beneficencia, a caridade e o negocio da privatización, dificultando ou imposibilitando a efectiva realización do dereito dos galegos e das galegas a uns servizos sociais públicos e de calidade .
A pesar do discurso oficial do Goberno Autonómico que sostén un mantemento dos gastos sociais, os datos son claros e demoledores desmontando a propaganda oficial:
- Como regra xeral dáse unha redución do 35% nos gastos destinados pola Xunta de Galicia a política social e os criterios no mantemento de servizos parecen responder máis a afinidades políticas que a criterios técnicos e de experiencia no desenvolvemento das accións.
- En relación co necesario desenvolvemento da lei de Servizos Sociais, certamente existen varios textos elaborados en forma de borradores para o desenvolvemento da mesma , pero a súa concreción práctica vai resultar imposible, xa que non figuran dotación orzamentaria algunha para facelos efectivos na proposta ao Parlamento de Orzamentos da Xunta para o ano 2011. O mesmo sucede coa nova Lei de Inclusión Social de Galicia, xa aprobada nas mesas de diálogo social.
- A redución dos recursos destinados aos servizos sociais, concrétanse, entre outros, de xeito alarmante nos ámbitos e actuacións que enumeramos a continuación:
- No ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión social:
- Conxelación dos recursos destinados a Risga mentres que o numero de demandantes se incrementa notablemente.
- Nas transferencias aos concellos, aparte das reducións xeralizadas, elimínanse os equipos inclusión social que viñan traballando nas sete cidades e no Consorcio das Mariñas dende hai case 10 anos cuns resultados moi positivos, o que resulta grave.
- Redución en máis dun 65 % xa para o presente ano 2010 do número de axentes de emprego e orientadores laborais destinados a entidades sociais de diferente tipo, o que supón cercenar de forma case definitiva un Plan que levaba máis de 5 anos funcionado de forma continuada. Non se entende que nun contexto de forte incremento do desemprego se prive ao conxunto da sociedade galega destes técnicos e técnicas destinados a xerar oportunidades de emprego nas cidades e vilas de Galicia. A mesma Dirección Xeral de Promoción de Emprego, por outra banda, recoñece que os criterios para determinar os axentes que se conceden non son técnicos.
- Eliminación de programas e redución significativa dos Convenios que sostiñan de forma continuada dende hai mais de 20 anos as actuacións no ámbito da prevención que desenvolvían as entidades sociais e mesmo os concellos no Plano Autonómico de Drogas da Consellería de Sanidade.
- A partida destinada pola Xunta de Galicia para o chamado “Plan de acción Xitano” redúcese nun 50% da súa contía para o ano 2011.
- Tamén nas actuación dirixidas ao colectivo de inmigrantes de Galicia, dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia atopamos: Eliminación directa da Convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de inmigrantes de Galicia, o que lles va impedir manter as actividades no vindeiro ano 2011; redución do conxunto de recursos destinados a acollida, integración e formación deste colectivo. Unha importante redución das actuacións e dos recursos unida á posta en marcha dun modelo de entrega a entidades privadas con ánimo de lucro da maior parte dos recursos para acción formativas dirixidas as persoa inmigrantes e emigrantes retornadas residentes en Galicia, que en anos anteriores, despois de concurso público ou mais ben despois de concorrencia publica a unha orde de subvencións, desenvolvían as entidades sociais, ongs, etc… que traballan con este colectivo en Galicia.
- En relación cos menores, elimínanse os programas específicos de loita contra a pobreza infantil, o que resulta grave, máxime na situación actual; redúcese a metade as axudas complementarias a desgravación fiscal por fillo a cargo ou se abandona o Programa de acollemento familiar, o que fai da lei de Familia unha mera cortina de fume.
- Nas medidas para facer fronte a falla de autonomía persoal:
- Os Plans individuais de atención (PIAs) dirixidos as persoas dependentes levan meses paralizados e sen outra perspectiva futura vendo os orzamentos da Xunta para 2011. A propia Consellería competente na materia recoñece que non vai poder cubrir a demanda de novas solicitudes, máis que nunha pequena parte.
- Do mesmo xeito, dende hai meses danse grandes retrasos na resolución das Prestacións de dependencia con perspectivas de seguir así se miramos os orzamentos previstos para o 2011.
- O mesmo ocorre co tempo de espera para as emerxencias sociais e nos atrasos no cobro das prestacións de coidado no entorno da dependencia que levan camiño de pagalas en prazos de ata 5 anos.
- As transferencias ao Consorcio para o manter a rede pública de centros de día e residencias conxélase, cando na práctica deben atenderse máis prazas e máis centros que se abriron no 2010 ou os que se di que van abrir por fin logo de anos construídos.
- As transferencias aos concellos para financiar os servizos sociais comunitarios en conxunto conxélanse, aínda que deben dar máis servizos –por exemplo, de axuda no fogar pola lei da dependencia entre outros-.
- O Sistema de Transporte Adaptado segue a funcionar mal con graves carencias e retrasos, sen que se lle de solución.
- Eliminación de Convenios de mantemento con entidades que traballan no ámbito da discapacidade, aínda que parece que outras entidades, máis afíns, incrementan a dotación deses convenios.
Diante desta situación de grave deterioro do sistema público galego de servizos sociais, polo escaso interese práctico de desenvolver a Lei de Servizos Sociais de Galiza e pola forte redución de recursos destinados aos servizos de benestar social no presente ano 2010 e que se incrementará de forma notable segundo a Proposta de Orzamentos para o ano 2011 presentada no Parlamento polo Goberno da Xunta, queremos facer público o rexeitamento das entidades e persoas que conformamos esta Plataforma diante destas actuacións, que se producen ademais nun contexto de importante crecemento das persoas en situación de pobreza e exclusión social por mor da actual crise económica. Facemos un chamamento tamén ao conxunto da sociedade civil organizada e a todas as persoas interesadas para que se sumen a esta Plataforma en contra do deterioro dos servizos sociais de Galiza que se derivará da aprobación dos Orzamentos do 2011 se non cambian substancialmente, e a favor do desenvolvemento pleno da Lei de Servizos Sociais de Galicia.
Novembro 2010
martes, 2 de noviembre de 2010
DOCUMENTO DE TRABALLO PARA A ASEMBLEA DO 4 DE NOVEMBRO DE 2010
Relatorio de recortes nas políticas de benestar social (2010)
A presente relación, pendente de concretarse e de completarse coas aportacións doutras asociacións e entidades, recolle unha serie de recortes dos que temos coñecemento xa e que afectan a este ano 2010. É dicir son cuestións que xa están decididas e feita, independentemente das previsións para o ano 2011 :
- Eliminación de Convenios de mantemento con entidades que traballan no ámbito da discapacidade, aínda que parece que outras entidades, máis afíns, incrementan a dotación deses convenios.
- Redución significativa dos Convenios que sostiñan de forma continuada as actuacións que desenvolvían as entidades sociais e mesmo os concellos no Plano Autonómico de Drogas para o presente ano 2010 e anuncio da supresión dos mesmos para o ano 2011, cambiando estes por unha convocatoria de subvencións que non garante a continuidade e mantemento de actuacións, técnic@s, etc.. En realidade supón o remate destas actuacións a finais do ano 2010, xa que ata ben avanzado o ano 2011 non se poderán coñecer as entidades subvencionadas e o importe destinado a cada entidade. Supón eliminar actuacións coordenadas neste ámbito que a Xunta viña impulsando dende hai mais de 23 anos.
- Redución en máis dun 65 % para o presente ano 2010 do número de axentes de emprego destinados a entidades sociais de diferente tipo, sindicatos e concellos. Pasando de 362 no ano 2009 a 150 no ano 2010. Supón cercenar de forma case definitiva un Plan que levaba máis de 5 anos funcionado de forma continuada. Non se entende que nun contexto de forte incremento do desemprego se prive ao conxunto da sociedade galega destes técnicos e técnicas destinados a xerar oportunidades de emprego nas cidades e vilas de Galicia. O mesma Dirección Xeral de Promoción de Emprego, por outra banda, recoñece que os criterios para determinar os axentes que se conceden non son técnicos.
-Redución significativa, non podemos cuantificala de momento, do número de orientadores laborais destinados a entidades sociais de diferente tipo, sindicatos e concellos. Isto supón reducir nun contexto de forte desemprego, servizos para as persoas en situación de desemprego. Sabemos que os tres principais sindicatos de Galicia sufriron un importante recorte de orientador@s laborais e tamén algúns concellos importantes. Os criterios parecen responder de novo máis a afinidades políticas que a criterios técnicos e de experiencia no desenvolvemento das accións.
-No referente as subvencións concedidas a entidades sociais no marco do II Plan Galego de Inclusión Social, a redución en termos xerais acada entorno ao 35%, de novo sen aplicación de criterios técnicos para determinar os proxectos aprobados ou non e as cantidades correspondentes a cada un deles. Igual redución sufriron as ordes de mantemento e investimento destinadas as entidades sociais, que loitamos en primeira liña contra a pobreza e a exclusión social en Galicia. Resulta terrible, que xusto neste contexto de crise, as políticas sociais destinadas aos máis desfavorecidos sufran este forte recorte.
-Tamén nas actuación dirixidas ao colectivo de inmigrantes de Galicia, dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia atopamos: Eliminación directa da Convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de inmigrantes de Galicia, o que lles va impedir manter as actividades no vindeiro ano 2011; redución do conxunto de recursos destinados a acollida, integración e formación deste colectivo. Unha importante redución das actuacións e dos recursos unida á implementación dun modelo de entrega a entidades privadas con ánimo de lucro da maior parte dos recursos para acción formativas dirixidas as persoa inmigrantes e emigrantes retornadas residentes en Galicia, que en anos anteriores, despois de concurso público, desenvolvían as entidades sociais, ongs, etc que traballan con este colectivo en Galicia.
ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA PLATAFORMA
Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria para o xoves día 4 de novembro ás 18:00 h no Centro Social Agustín Bueno do Castiñeiriño en Santiago de Compostela (o lugar habitual, moi pretiño da saída da Autoestrada A 9 cara a Ourense-Lalín)
coa seguinte orde do día:
1.- Lectura e aprobación da acta da Asemblea Anterior
2.- Análise da situación actual e das perspectivas de futuro para os servizos sociais en Galiza. (dende a Comisión de Coordenación presentaremos un Informe Básico que convén enriquecer entre todos e todas).
3.- Propostas de Actuacións a curto e medio prazo.
4.- Reforzamento da Comisión de Coordenación e da difusión da Plataforma.
5.- Preguntas e Suxestiónslunes, 28 de junio de 2010
ACTO-PROTESTA DA PLATAFORMA O 2 DE XULLO ÁS 11H30 NO PALACIO DE CONGRESOS E EXPOSICIÓNS DE SANTIAGO
O vindeiro venres, 2 de xullo de 2010, coincidindo coa asemblea de disolución do Consorcio Galego, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais realizará ás 11h30 un acto de denuncia do sistemático proceso de desmantelamento do Sistema Público Galego de Servizos Sociais que leva a cabo o actual goberno da Xunta de Galicia.
Desde a Comisión de Coordinación facemos un chamamento para que todas as entidades e persoas que poidades participedes nesta concentración.
Difundide esta convocatoria o máximo posible para poder dar unha resposta forte, tal como se merecen os acontecementos.
A Comisión de Coordinación
28-xuño-2010
sábado, 12 de junio de 2010
OS SERVIZOS SOCIAIS E A SÚA RELACIÓN COA EDUCACIÓN NO MES DE XULLO NA USC
http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2010/06/12/0003_8544655.htm
12-xuño-2010
viernes, 11 de junio de 2010
ASEMBLEA DA PLATAFORMA O 17 DE XUÑO DE 2010, ÁS 18H NO CENTRO SOCIOCULTURAL "AGUSTÍN BUENO" DO CASTIÑEIRIÑO EN COMPOSTELA
Tal como quedamos na asemblea do pasado 29 de abril, a vindeira semana teremos a última asemblea antes do verán:
Será, o xoves día 17 de xuño ás 18 horas no Centro sociocultural "Agustin Bueno" no barrio do Castiñeiriño en Compostela.
Dende a Comisión de Coordenación facemos un chamamento vosa á participación nesta asemblea dado que dende a Xunta de Galicia están a mostrar a firme determinación de desmontar as bases do sistema público galego de servizos sociais e voltar a época das prevendas e limosnas, ante o que debemos reforzar as accións da Plataforma.
Os temas a tratar propostos son:
1.- Aprobación da acta anterior
2.- Informe das actividades desenvolvidas dende abril.
3.- Posta en común sobre a situación actual dos servizos sociais en Galicia.
4.- Propostas de actividades a realizar antes do verán:
- Concentración diante do recinto onde se celebre a asemblea de disolución do Consorcio prevista para finais deste mes. Distribución dun folleto coas nosas reivindicacións, etc.
- Mocións nos concellos galegos en defensa do sistema público galego de servizos sociais
- outras
5.- Reforzo da Comisión de Coordinación. Novas incorporacións
6.- Próxina Asemblea xeral de setembro. Novas Presentacións da Plataforma
7.- Outros
Ata o xoves
Comisión de Coordinación