Mostrando entradas con la etiqueta ACTOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ACTOS. Mostrar todas las entradas

domingo, 21 de noviembre de 2010

MARTES 23 DE NOVEMBRO DE 2010, ROLDA DE PRENSA DA PLATAFORMA NA GALERÍA SARGADELOS ÁS 11H

O MARTES 23 DE NOVEMBRO, ÁS 11H, NA GALERÍA SARGADELOS DE COMPOSTELA, ROLDA DE PRENSA PARA PRESENTAR O POSICIONAMENTO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PUBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS ANTE AS POLITICAS DE BENESTAR SOCIAL DA XUNTA DE GALICIA NO MARCO DA APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS AUTÓNOMICOS PARA O ANO 2011.

Dende a Plataforma defendemos a consolidación do sistema publico galego de servizos sociais, para o cal compre facer efectivo o desenvolvemento da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia como instrumento que garanta uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega, aos que temos dereito vivamos onde vivamos.

Este marco debería ser o guieiro de actuación do Goberno da Xunta de Galicia como institución con competencias plenas na materia, actuando dun xeito responsable ao servizo dos galegos e galegas, máxime nuns momentos de grandes dificultades económicas que sempre agudiza a situación das persoas mais desfavorecidas e mesmo incrementa notablemente o porcentaxe das mesmas.

En contraposición a estes postulados, as decisións estratéxicas e as prioridades que se están a materializar dende a Xunta de Galicia, neste momento de contracción real do gasto, debilitan ou fan inviable a incipiente política galega de benestar e mais parecen ter no horizonte a volta aos tempos da mais pura beneficencia, a caridade e o negocio da privatización, dificultando ou imposibilitando a efectiva realización do dereito dos galegos e das galegas a uns servizos sociais públicos e de calidade .

A pesar do discurso oficial do Goberno Autonómico que sostén un mantemento dos gastos sociais, os datos son claros e demoledores desmontando a propaganda oficial:

- Como regra xeral dáse unha redución do 35% nos gastos destinados pola Xunta de Galicia a política social e os criterios no mantemento de servizos parecen responder máis a afinidades políticas que a criterios técnicos e de experiencia no desenvolvemento das accións.

- En relación co necesario desenvolvemento da lei de Servizos Sociais, certamente existen varios textos elaborados en forma de borradores para o desenvolvemento da mesma , pero a súa concreción práctica vai resultar imposible, xa que non figuran dotación orzamentaria algunha para facelos efectivos na proposta ao Parlamento de Orzamentos da Xunta para o ano 2011. O mesmo sucede coa nova Lei de Inclusión Social de Galicia, xa aprobada nas mesas de diálogo social.

- A redución dos recursos destinados aos servizos sociais, concrétanse, entre outros, de xeito alarmante nos ámbitos e actuacións que enumeramos a continuación:

- No ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión social:

- Conxelación dos recursos destinados a Risga mentres que o numero de demandantes se incrementa notablemente.

- Nas transferencias aos concellos, aparte das reducións xeralizadas, elimínanse os equipos inclusión social que viñan traballando nas sete cidades e no Consorcio das Mariñas dende hai case 10 anos cuns resultados moi positivos, o que resulta grave.

- Redución en máis dun 65 % xa para o presente ano 2010 do número de axentes de emprego e orientadores laborais destinados a entidades sociais de diferente tipo, o que supón cercenar de forma case definitiva un Plan que levaba máis de 5 anos funcionado de forma continuada. Non se entende que nun contexto de forte incremento do desemprego se prive ao conxunto da sociedade galega destes técnicos e técnicas destinados a xerar oportunidades de emprego nas cidades e vilas de Galicia. A mesma Dirección Xeral de Promoción de Emprego, por outra banda, recoñece que os criterios para determinar os axentes que se conceden non son técnicos.

- Eliminación de programas e redución significativa dos Convenios que sostiñan de forma continuada dende hai mais de 20 anos as actuacións no ámbito da prevención que desenvolvían as entidades sociais e mesmo os concellos no Plano Autonómico de Drogas da Consellería de Sanidade.

- A partida destinada pola Xunta de Galicia para o chamado “Plan de acción Xitano” redúcese nun 50% da súa contía para o ano 2011.

- Tamén nas actuación dirixidas ao colectivo de inmigrantes de Galicia, dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia atopamos: Eliminación directa da Convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de inmigrantes de Galicia, o que lles va impedir manter as actividades no vindeiro ano 2011; redución do conxunto de recursos destinados a acollida, integración e formación deste colectivo. Unha importante redución das actuacións e dos recursos unida á posta en marcha dun modelo de entrega a entidades privadas con ánimo de lucro da maior parte dos recursos para acción formativas dirixidas as persoa inmigrantes e emigrantes retornadas residentes en Galicia, que en anos anteriores, despois de concurso público ou mais ben despois de concorrencia publica a unha orde de subvencións, desenvolvían as entidades sociais, ongs, etc… que traballan con este colectivo en Galicia.

- En relación cos menores, elimínanse os programas específicos de loita contra a pobreza infantil, o que resulta grave, máxime na situación actual; redúcese a metade as axudas complementarias a desgravación fiscal por fillo a cargo ou se abandona o Programa de acollemento familiar, o que fai da lei de Familia unha mera cortina de fume.

- Nas medidas para facer fronte a falla de autonomía persoal:

- Os Plans individuais de atención (PIAs) dirixidos as persoas dependentes levan meses paralizados e sen outra perspectiva futura vendo os orzamentos da Xunta para 2011. A propia Consellería competente na materia recoñece que non vai poder cubrir a demanda de novas solicitudes, máis que nunha pequena parte.

- Do mesmo xeito, dende hai meses danse grandes retrasos na resolución das Prestacións de dependencia con perspectivas de seguir así se miramos os orzamentos previstos para o 2011.

- O mesmo ocorre co tempo de espera para as emerxencias sociais e nos atrasos no cobro das prestacións de coidado no entorno da dependencia que levan camiño de pagalas en prazos de ata 5 anos.

- As transferencias ao Consorcio para o manter a rede pública de centros de día e residencias conxélase, cando na práctica deben atenderse máis prazas e máis centros que se abriron no 2010 ou os que se di que van abrir por fin logo de anos construídos.

- As transferencias aos concellos para financiar os servizos sociais comunitarios en conxunto conxélanse, aínda que deben dar máis servizos –por exemplo, de axuda no fogar pola lei da dependencia entre outros-.

- O Sistema de Transporte Adaptado segue a funcionar mal con graves carencias e retrasos, sen que se lle de solución.

- Eliminación de Convenios de mantemento con entidades que traballan no ámbito da discapacidade, aínda que parece que outras entidades, máis afíns, incrementan a dotación deses convenios.

Diante desta situación de grave deterioro do sistema público galego de servizos sociais, polo escaso interese práctico de desenvolver a Lei de Servizos Sociais de Galiza e pola forte redución de recursos destinados aos servizos de benestar social no presente ano 2010 e que se incrementará de forma notable segundo a Proposta de Orzamentos para o ano 2011 presentada no Parlamento polo Goberno da Xunta, queremos facer público o rexeitamento das entidades e persoas que conformamos esta Plataforma diante destas actuacións, que se producen ademais nun contexto de importante crecemento das persoas en situación de pobreza e exclusión social por mor da actual crise económica. Facemos un chamamento tamén ao conxunto da sociedade civil organizada e a todas as persoas interesadas para que se sumen a esta Plataforma en contra do deterioro dos servizos sociais de Galiza que se derivará da aprobación dos Orzamentos do 2011 se non cambian substancialmente, e a favor do desenvolvemento pleno da Lei de Servizos Sociais de Galicia.

Novembro 2010

lunes, 28 de junio de 2010

ACTO-PROTESTA DA PLATAFORMA O 2 DE XULLO ÁS 11H30 NO PALACIO DE CONGRESOS E EXPOSICIÓNS DE SANTIAGO

O 2 DE XULLO DE 2010, DEFENDAMOS O SISTEMA PÚBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS

O vindeiro venres, 2 de xullo de 2010, coincidindo coa asemblea de disolución do Consorcio Galego, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais realizará ás 11h30 un acto de denuncia do sistemático proceso de desmantelamento do Sistema Público Galego de Servizos Sociais que leva a cabo o actual goberno da Xunta de Galicia.

Desde a Comisión de Coordinación facemos un chamamento para que todas as entidades e persoas que poidades participedes nesta concentración.

Difundide esta convocatoria o máximo posible para poder dar unha resposta forte, tal como se merecen os acontecementos.

A Comisión de Coordinación
28-xuño-2010

viernes, 4 de junio de 2010

A PLATAFORMA PRESENTOU AS SÚAS BASES DE FUNCIONAMENTO E OS SEUS FINS NA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

O mércores 2 de xuño de 2010 tivo lugar a presentación da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña.

O acto desenvolvéuse mediante unha estrutura informal de diálogo directo, fuxindo das rectas normas dunha charla "especializada". Así, a explicación da historia da constitución da Plataforma, o relato dos nosos obxectivos, a descrición de entidades e persoas adheridas, a enumeración das nosas finalidades fíxose de forma interactiva entre os representantes da Plataforma, Xosé M. Malheiro, Miguel Fernández, Gori, e Xabier Ron, e o público asistente (profesorado, alumnado, tendo a honra de contar coa presenza do decano da facultade, Narciso de Gabriel Fernández).

Durante unha hora de rico diálogo xurdiron preguntas sobre diversos aspectos da nosa Plataforma. Os representantes insistiron en todo momento na necesidade de espallarnos, de sermos visibles a ollos da sociedade, de sumar persoas e organizacións. Varias das intervencións xiraron ao redor da imaxe "caritativo-asistencial" que aínda teñen os servizos sociais e da dificultade de facerlle ver á xente a importancia e mesmo a necesidade de desenvolver a Lei de Servizos Sociais desde o público na xestión e na titularidade en tanto que dereito. Por iso, un dos traballos máis importantes é que a sociedade interiorice, e nesa dirección debe ir o noso traballo, que temos dereito a este dereito, que non é un favor de gobernadores.

2-xuño-2010

lunes, 31 de mayo de 2010

PRESENTACIÓN DA PLATAFORMA NA CORUÑA

Acto de presentación da

Plataforma en defensa
do Sistema Publico galego
de Servizos Sociais

Mércores 2 de xuño
12,00 horas


Interveñen:

Miguel Fernández
Xabier Ron
Xosé Manuel Malheiro




Salón de Actos
Facultade de Ciencias da EducaciónUniversidade da Coruña

domingo, 23 de mayo de 2010

PRESENTACIÓN DA PLATAFORMA EN OURENSE

Mañá, ás 13h, no Decanato da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense terá lugar a presentación dos principios, fundamentos, liñas de traballo e obxectivos da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais.

23-maio-2010

martes, 11 de mayo de 2010

ACTO-PROTESTA DA PLATAFORMA NO REXISTRO XERAL DA XUNTA DE GALICIA



A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS composta por 94 entidades de diversa índole: 36 concellos; 46 entidades sociais, dende asociacións e federacións veciñais, asociacións e federacións do ámbito da dependencia e falla de autonomía persoal, do ámbito da exclusión social e tamén do ámbito sociosanitario; e outras 12 entidades entre colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos. Ademáis de 450 persoas individualmente, que se distribúen de xeito semellante entre profesionais dos servizos sociais e veciñanza en xeral, desenvolveu unha Rolda de Prensa Informativa, hoxe martes día 11 de Maio ás 11:00 h no Rexisto Xeral da Xunta en San Caetano con motivo da presentación pública da solicitude de entrevista de representantes desta Plataforma coa Conselleira de Traballo e Benestar, Dna Beatriz Mato, para presentarlle o documento-base desta Plataforma que reivindica o desenvolvemento normativo da Lei de Servizos Sociais de Galiza en vigor dende o mes de marzo de 2009 e que presenta neste momento un elevadísimo grao de incumprimento respecto aos prazos que establece a propia Norma. (Xuntamos o documento-base da nosa Plataforma, que explica eses incumprimentos)

O motivo da realización pública deste Acto, no que participaron á Comisión de Coordenación da citada Plataforma, é que con anterioridade fíxérase a mesma solicitude, concretamente con data 3 de marzo de 2010, e despois de moito tempo de espera, a resposta foi unha esixencia inquisitorial de indicar o nome de tódolos compoñentes da Plataforma, para valorar a posibilidade de recibirnos. Independentemente das sospeitas de control sobre entidades e persoas individuais que poden doadamente deducirse de tal solicitude, quixemos denunciar con este Acto Público, a intolerable actitude dunha representante da Administración Pública Galega do máximo nivel para coas demandas e iniciativas dun grupo importante de entidades e de cidadáns e cidadás de Galiza. Máis ala desta actitude, fixemos público o noso compromiso co desenvolvemento da citada Lei e a nosa oposición razoada e razoable aos procesos de privatización de servizos sociais públicos que se están a producir neste momento, o que suporá unha notable diminución da calidade dos mesmos. Mantemos polo tanto o noso interese en manter a xuntanza solicitada coa responsable das políticas de emprego e benestar social da Xunta de Galicia, para presentarlle as nosas propostas e demandas.

A valoración respecto ao anuncio da Conselleira de creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e en paralelo a supresión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, foi que interesadamente se pretende confundir a dous organismos, que segundo a Lei vixente de Servizos Sociais teñen funcións diferentes: a Axencia, coordenar os servizos sociais especializados dependentes da Xunta e o Consorcio, é un órgano de colaboración interadministrativa entre Xunta e Concellos, que son, estes últimos, os responsables de implementar os servizos sociais de base para ao conxunto da poboación.

Na rolda de prensa informamos das actividades que desenvolveu esta Plataforma nos últimos meses. Salientamos que durante este tempo, dende a nosa constitución a mediados do mes de xaneiro do presente ano 2010, non paramos de medrar no número de adhesións formais de entidades e asociacións, concellos, sindicatos e grupos políticos e sobre todo moit@ cidad@s de forma individual. Consideramos moi positivo este feito que responde de forma clara a concienciación colectiva cada vez maior de persoas, entidades e responsables políticos e sociais da necesidade de defender o sistema público galego de servizos sociais, en perigo de privatización, e de desenvolver as medidas citadas na citada Lei de Servizos Sociais de Galiza.
Neste tempo a Plataforma en defensa do sistema público galego de servizos sociais ten realizado:

-Actos públicos de denuncia de privatización de centros de día nos concellos de Rois, Begonte, Culleredo e Porriño, afectado pola primeira onda privatizadora da Xunta. - Presentación no Parlamento dun texto para elaborar unha Proposición non de Lei e unha Moción que recolle os principios e demandas presentes no noso documento-base.- Presentación Pública da Plataforma na cidade de Vigo nun concorrido acto público que tivo lugar o pasado mércores día 5 de Maio , coa constitución dun grupo de Coordenación desta Plataforma para a zona sur de Galiza.

- Contactos a nivel institucional e persoal con facultades das tres universidades de Galiza.- Apoios ás mobilizacións d@s traballador@ do Consorcio Galego de Servizos Sociais; apoio á mobilización a prol dos servizos públicos do 25 de Abril; apoio as mobilizacións a prol dun centro de inclusión (albergue público) en Vigo; apoio a mobilización d@s traballador@s do Centro Santiago Apostol de A Coruña que a Xunta quere pechar.
Reafirmamos o noso compromiso de manter esta liña de traballo nos vindeiros meses para desenmascarar as actuacións privatizadoras e contrarias a Lei da Xunta de Galiza.Para máis información: Miguel Fernández (662-307019) e Xosé López (686-506-858).

sábado, 8 de mayo de 2010

ROLDA DE PRENSA O 11 DE MAIO ÁS 11h NO REXISTRO XERAL DA XUNTA EN SAN CAETANO

COMUNICADO DE PRENSA

A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS composta por 94 entidades de diversa índole: 36 concellos; 46 entidades sociais, dende asociacións e federacións veciñais, asociacións e federacións do ámbito da dependencia e falla de autonomía persoal, do ámbito da exclusión social e tamén do ámbito sociosanitario; e outras 12 entidades entre colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos. Ademais de máis de 450 persoas individualmente, que se distribúen de xeito semellante entre profesionais dos servizos sociais e veciñanza en xeral, convoca unha Rolda de Prensa Informativa o martes día 11 de Maio ás 11:00 h. no Rexistro Xeral da Xunta en San Caetano con motivo da presentación pública da solicitude de entrevista de representantes desta Plataforma coa Conselleira de Traballo e Benestar, Dna Beatriz Mato, co fin de presentarlle o documento-base desta Plataforma que basicamente reivindica o desenvolvemento normativo da Lei de Servizos Sociais de Galiza en vigor dende o mes de marzo de 2009 e que presenta neste momento un elevadísimo grao de incumprimento respecto aos prazos que establece a propia Norma. (Xuntamos o documento-base, que explícita eses incumprimentos).

O motivo da presentación pública deste Acto, no que participará á Comisión de Coordenación da citada Plataforma, é que con anterioridade fíxose a mesma solicitude, concretamente con data 3 de marzo de 2010, e despois de moito tempo de espera, a resposta foi unha esixencia inquisitorial de indicar o nome de tódolos compoñentes da Plataforma, para valorar a posibilidade de recibirnos.

Independentemente das sospeitas de control sobre entidades e persoas individuais que poden doadamente deducirse de tal solicitude, queremos denunciar con este Acto Público a intolerable actitude dunha representante da Administración Pública Galega do máximo nivel para coas demandas e iniciativas dun grupo importante de entidades e de cidadáns e cidadás de Galiza.

Máis ala desta actitude, faremos público o noso compromiso co desenvolvemento da citada Lei e a nosa oposición razoada e razoable aos procesos de privatización de servizos sociais públicos que se están a producir neste momento, o que suporá unha notable diminución da calidade dos mesmos, mantendo polo tanto o noso interese en ter a xuntanza solicitada coa responsable das políticas de emprego e benestar social da Xunta de Galicia, para presentarlle as nosas propostas e demandas.

Para máis información: Miguel Fernández (662-307019) e Xosé López(686-506858) enderezo electrónico: defensa.servizossociais.publicos@gmail.com

A PLATAFORMA ESTIVO NA MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS


O domingo 25 de abril de 2010 a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais participou na manifestación en Defensa dos Servizos Públicos que tivo lugar en Compostela.

A PLATAFORMA PRESENTOUSE EN ROLDA DE PRENSA O 18 DE MARZO


A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS composta por máis de 60 entidades sociais e concellos de Galicia, entre as que se atopan concellos pequenos como: A Bola, Poboa de Brollón; concellos medianos como: O Carballiño, Melide, Morforte ou Boiro; Concellos grandes como: Vigo ou Vilagarcía; e entidades como os Colexios Profesionais de Psicolog@s e Educador@S Sociais de Galicia, diversas entidades sectoriais do ámbito da Inclusión Social, da promoción da autonomia persoal, das drogodependencias, etc., tales como: a Fundación Érguete-Integración, Alcer, Plataforma polo Emprego, Plans Comunitarios dos Barrios de Vite ou Teis, partidos políticos como o PSdG-PSOE, BNG ou EU, e máis de dous centos cidadáns e cidadás, maioritariamente técnicos e profesionais dos servizos de benestar social desenvolveu unha Rolda de Prensa Informativa o xoves día 18 de Marzo ás 11:00 h na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova nº 16), para realizar un Acto Público que contou coa presenza de representantes das entidades que conforman a Plataforma e tamén de persoas de xeito individual.
No acto déuse conta da Moción Parlamentaria que esta Plataforma presentou aos tres grupos parlamentarios coincidindo co primeiro ano de entrada en vigor da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galiza, que recolle os principais incumprimentos e dilacións no desenvolvemento desta Lei e polo tanto para instar ao goberno da Xunta para o axeitado cumprimento desta Normativa do máximo rango a nivel autónomico que define precisamente aos servizos sociais como un sistema público ao mesmo nivel que os sistemas educativo, sanitario ou da seguridade social, e que converte, polo tanto, aos servizos sociais como o cuarto piar do estado do benestar. Este Texto foi acollido de forma moi favorable polos grupos parlamentarios do PSdG-PSOE e do BNG que se comprometeron a defendelo na Cámara Autonómica. O PPdG informou que habería algúns aspectos dos recollidos na Moción nos que podían coincidir aínda que non podían aceptar o contido completo da mesma.

18-marzo-2010

A COMISIÓN COORDINADORA DA PLATAFORMA REÚNESE NO PARLAMENTO COS GRUPOS POLÍTICOS


O 9 de marzo de 2010, a Comisión Coordinadora da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais presentou aos tres grupos políticos con representación no Parlamento o documento base da Plataforma acompañado do decálogo de medidas para desenvolver a Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia.