viernes, 4 de junio de 2010

A PLATAFORMA PRESENTOU AS SÚAS BASES DE FUNCIONAMENTO E OS SEUS FINS NA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

O mércores 2 de xuño de 2010 tivo lugar a presentación da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña.

O acto desenvolvéuse mediante unha estrutura informal de diálogo directo, fuxindo das rectas normas dunha charla "especializada". Así, a explicación da historia da constitución da Plataforma, o relato dos nosos obxectivos, a descrición de entidades e persoas adheridas, a enumeración das nosas finalidades fíxose de forma interactiva entre os representantes da Plataforma, Xosé M. Malheiro, Miguel Fernández, Gori, e Xabier Ron, e o público asistente (profesorado, alumnado, tendo a honra de contar coa presenza do decano da facultade, Narciso de Gabriel Fernández).

Durante unha hora de rico diálogo xurdiron preguntas sobre diversos aspectos da nosa Plataforma. Os representantes insistiron en todo momento na necesidade de espallarnos, de sermos visibles a ollos da sociedade, de sumar persoas e organizacións. Varias das intervencións xiraron ao redor da imaxe "caritativo-asistencial" que aínda teñen os servizos sociais e da dificultade de facerlle ver á xente a importancia e mesmo a necesidade de desenvolver a Lei de Servizos Sociais desde o público na xestión e na titularidade en tanto que dereito. Por iso, un dos traballos máis importantes é que a sociedade interiorice, e nesa dirección debe ir o noso traballo, que temos dereito a este dereito, que non é un favor de gobernadores.

2-xuño-2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario