martes, 2 de noviembre de 2010

DOCUMENTO DE TRABALLO PARA A ASEMBLEA DO 4 DE NOVEMBRO DE 2010

Relatorio de recortes nas políticas de benestar social (2010)

A presente relación, pendente de concretarse e de completarse coas aportacións doutras asociacións e entidades, recolle unha serie de recortes dos que temos coñecemento xa e que afectan a este ano 2010. É dicir son cuestións que xa están decididas e feita, independentemente das previsións para o ano 2011 :

- Eliminación de Convenios de mantemento con entidades que traballan no ámbito da discapacidade, aínda que parece que outras entidades, máis afíns, incrementan a dotación deses convenios.

- Redución significativa dos Convenios que sostiñan de forma continuada as actuacións que desenvolvían as entidades sociais e mesmo os concellos no Plano Autonómico de Drogas para o presente ano 2010 e anuncio da supresión dos mesmos para o ano 2011, cambiando estes por unha convocatoria de subvencións que non garante a continuidade e mantemento de actuacións, técnic@s, etc.. En realidade supón o remate destas actuacións a finais do ano 2010, xa que ata ben avanzado o ano 2011 non se poderán coñecer as entidades subvencionadas e o importe destinado a cada entidade. Supón eliminar actuacións coordenadas neste ámbito que a Xunta viña impulsando dende hai mais de 23 anos.

- Redución en máis dun 65 % para o presente ano 2010 do número de axentes de emprego destinados a entidades sociais de diferente tipo, sindicatos e concellos. Pasando de 362 no ano 2009 a 150 no ano 2010. Supón cercenar de forma case definitiva un Plan que levaba máis de 5 anos funcionado de forma continuada. Non se entende que nun contexto de forte incremento do desemprego se prive ao conxunto da sociedade galega destes técnicos e técnicas destinados a xerar oportunidades de emprego nas cidades e vilas de Galicia. O mesma Dirección Xeral de Promoción de Emprego, por outra banda, recoñece que os criterios para determinar os axentes que se conceden non son técnicos.

-Redución significativa, non podemos cuantificala de momento, do número de orientadores laborais destinados a entidades sociais de diferente tipo, sindicatos e concellos. Isto supón reducir nun contexto de forte desemprego, servizos para as persoas en situación de desemprego. Sabemos que os tres principais sindicatos de Galicia sufriron un importante recorte de orientador@s laborais e tamén algúns concellos importantes. Os criterios parecen responder de novo máis a afinidades políticas que a criterios técnicos e de experiencia no desenvolvemento das accións.

-No referente as subvencións concedidas a entidades sociais no marco do II Plan Galego de Inclusión Social, a redución en termos xerais acada entorno ao 35%, de novo sen aplicación de criterios técnicos para determinar os proxectos aprobados ou non e as cantidades correspondentes a cada un deles. Igual redución sufriron as ordes de mantemento e investimento destinadas as entidades sociais, que loitamos en primeira liña contra a pobreza e a exclusión social en Galicia. Resulta terrible, que xusto neste contexto de crise, as políticas sociais destinadas aos máis desfavorecidos sufran este forte recorte.

-Tamén nas actuación dirixidas ao colectivo de inmigrantes de Galicia, dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia atopamos: Eliminación directa da Convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de inmigrantes de Galicia, o que lles va impedir manter as actividades no vindeiro ano 2011; redución do conxunto de recursos destinados a acollida, integración e formación deste colectivo. Unha importante redución das actuacións e dos recursos unida á implementación dun modelo de entrega a entidades privadas con ánimo de lucro da maior parte dos recursos para acción formativas dirixidas as persoa inmigrantes e emigrantes retornadas residentes en Galicia, que en anos anteriores, despois de concurso público, desenvolvían as entidades sociais, ongs, etc que traballan con este colectivo en Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario