domingo, 21 de noviembre de 2010

MARTES 23 DE NOVEMBRO DE 2010, ROLDA DE PRENSA DA PLATAFORMA NA GALERÍA SARGADELOS ÁS 11H

O MARTES 23 DE NOVEMBRO, ÁS 11H, NA GALERÍA SARGADELOS DE COMPOSTELA, ROLDA DE PRENSA PARA PRESENTAR O POSICIONAMENTO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO SISTEMA PUBLICO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS ANTE AS POLITICAS DE BENESTAR SOCIAL DA XUNTA DE GALICIA NO MARCO DA APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS AUTÓNOMICOS PARA O ANO 2011.

Dende a Plataforma defendemos a consolidación do sistema publico galego de servizos sociais, para o cal compre facer efectivo o desenvolvemento da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia como instrumento que garanta uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega, aos que temos dereito vivamos onde vivamos.

Este marco debería ser o guieiro de actuación do Goberno da Xunta de Galicia como institución con competencias plenas na materia, actuando dun xeito responsable ao servizo dos galegos e galegas, máxime nuns momentos de grandes dificultades económicas que sempre agudiza a situación das persoas mais desfavorecidas e mesmo incrementa notablemente o porcentaxe das mesmas.

En contraposición a estes postulados, as decisións estratéxicas e as prioridades que se están a materializar dende a Xunta de Galicia, neste momento de contracción real do gasto, debilitan ou fan inviable a incipiente política galega de benestar e mais parecen ter no horizonte a volta aos tempos da mais pura beneficencia, a caridade e o negocio da privatización, dificultando ou imposibilitando a efectiva realización do dereito dos galegos e das galegas a uns servizos sociais públicos e de calidade .

A pesar do discurso oficial do Goberno Autonómico que sostén un mantemento dos gastos sociais, os datos son claros e demoledores desmontando a propaganda oficial:

- Como regra xeral dáse unha redución do 35% nos gastos destinados pola Xunta de Galicia a política social e os criterios no mantemento de servizos parecen responder máis a afinidades políticas que a criterios técnicos e de experiencia no desenvolvemento das accións.

- En relación co necesario desenvolvemento da lei de Servizos Sociais, certamente existen varios textos elaborados en forma de borradores para o desenvolvemento da mesma , pero a súa concreción práctica vai resultar imposible, xa que non figuran dotación orzamentaria algunha para facelos efectivos na proposta ao Parlamento de Orzamentos da Xunta para o ano 2011. O mesmo sucede coa nova Lei de Inclusión Social de Galicia, xa aprobada nas mesas de diálogo social.

- A redución dos recursos destinados aos servizos sociais, concrétanse, entre outros, de xeito alarmante nos ámbitos e actuacións que enumeramos a continuación:

- No ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión social:

- Conxelación dos recursos destinados a Risga mentres que o numero de demandantes se incrementa notablemente.

- Nas transferencias aos concellos, aparte das reducións xeralizadas, elimínanse os equipos inclusión social que viñan traballando nas sete cidades e no Consorcio das Mariñas dende hai case 10 anos cuns resultados moi positivos, o que resulta grave.

- Redución en máis dun 65 % xa para o presente ano 2010 do número de axentes de emprego e orientadores laborais destinados a entidades sociais de diferente tipo, o que supón cercenar de forma case definitiva un Plan que levaba máis de 5 anos funcionado de forma continuada. Non se entende que nun contexto de forte incremento do desemprego se prive ao conxunto da sociedade galega destes técnicos e técnicas destinados a xerar oportunidades de emprego nas cidades e vilas de Galicia. A mesma Dirección Xeral de Promoción de Emprego, por outra banda, recoñece que os criterios para determinar os axentes que se conceden non son técnicos.

- Eliminación de programas e redución significativa dos Convenios que sostiñan de forma continuada dende hai mais de 20 anos as actuacións no ámbito da prevención que desenvolvían as entidades sociais e mesmo os concellos no Plano Autonómico de Drogas da Consellería de Sanidade.

- A partida destinada pola Xunta de Galicia para o chamado “Plan de acción Xitano” redúcese nun 50% da súa contía para o ano 2011.

- Tamén nas actuación dirixidas ao colectivo de inmigrantes de Galicia, dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia atopamos: Eliminación directa da Convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións de inmigrantes de Galicia, o que lles va impedir manter as actividades no vindeiro ano 2011; redución do conxunto de recursos destinados a acollida, integración e formación deste colectivo. Unha importante redución das actuacións e dos recursos unida á posta en marcha dun modelo de entrega a entidades privadas con ánimo de lucro da maior parte dos recursos para acción formativas dirixidas as persoa inmigrantes e emigrantes retornadas residentes en Galicia, que en anos anteriores, despois de concurso público ou mais ben despois de concorrencia publica a unha orde de subvencións, desenvolvían as entidades sociais, ongs, etc… que traballan con este colectivo en Galicia.

- En relación cos menores, elimínanse os programas específicos de loita contra a pobreza infantil, o que resulta grave, máxime na situación actual; redúcese a metade as axudas complementarias a desgravación fiscal por fillo a cargo ou se abandona o Programa de acollemento familiar, o que fai da lei de Familia unha mera cortina de fume.

- Nas medidas para facer fronte a falla de autonomía persoal:

- Os Plans individuais de atención (PIAs) dirixidos as persoas dependentes levan meses paralizados e sen outra perspectiva futura vendo os orzamentos da Xunta para 2011. A propia Consellería competente na materia recoñece que non vai poder cubrir a demanda de novas solicitudes, máis que nunha pequena parte.

- Do mesmo xeito, dende hai meses danse grandes retrasos na resolución das Prestacións de dependencia con perspectivas de seguir así se miramos os orzamentos previstos para o 2011.

- O mesmo ocorre co tempo de espera para as emerxencias sociais e nos atrasos no cobro das prestacións de coidado no entorno da dependencia que levan camiño de pagalas en prazos de ata 5 anos.

- As transferencias ao Consorcio para o manter a rede pública de centros de día e residencias conxélase, cando na práctica deben atenderse máis prazas e máis centros que se abriron no 2010 ou os que se di que van abrir por fin logo de anos construídos.

- As transferencias aos concellos para financiar os servizos sociais comunitarios en conxunto conxélanse, aínda que deben dar máis servizos –por exemplo, de axuda no fogar pola lei da dependencia entre outros-.

- O Sistema de Transporte Adaptado segue a funcionar mal con graves carencias e retrasos, sen que se lle de solución.

- Eliminación de Convenios de mantemento con entidades que traballan no ámbito da discapacidade, aínda que parece que outras entidades, máis afíns, incrementan a dotación deses convenios.

Diante desta situación de grave deterioro do sistema público galego de servizos sociais, polo escaso interese práctico de desenvolver a Lei de Servizos Sociais de Galiza e pola forte redución de recursos destinados aos servizos de benestar social no presente ano 2010 e que se incrementará de forma notable segundo a Proposta de Orzamentos para o ano 2011 presentada no Parlamento polo Goberno da Xunta, queremos facer público o rexeitamento das entidades e persoas que conformamos esta Plataforma diante destas actuacións, que se producen ademais nun contexto de importante crecemento das persoas en situación de pobreza e exclusión social por mor da actual crise económica. Facemos un chamamento tamén ao conxunto da sociedade civil organizada e a todas as persoas interesadas para que se sumen a esta Plataforma en contra do deterioro dos servizos sociais de Galiza que se derivará da aprobación dos Orzamentos do 2011 se non cambian substancialmente, e a favor do desenvolvemento pleno da Lei de Servizos Sociais de Galicia.

Novembro 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario